45 aniversario do COPG: II Foro “Autoritarismo e liberdade”
Data: 03/10/2025

Dentro das actividades do noso colexio profesional, prevalece a reivindicación do dereito á accesibilidade á atención psicolóxica e, dun xeito máis xeral, a defensa dos dereitos humanos como un factor imprescindible para a protección da saúde mental. Neste senso, e no marco do 45 aniversario da nosa institución, o COPG impulsa uns foros que sirvan de espazo de debate e reflexión sobre a actual deriva da nosa sociedade, que demos en nomear «Autoritarismo e Liberdade».

Participarán:

Miguel Anxo García Álvarez, Psicólogo clínico no Hospital Clínico Universitario de Santiago e colexiado de honra do COPG.

Alba Nogueira López, Catedrática de Dereito Administrativo da USC e investigadora principal da Rede Armela.

Marta Otero Mayán, Xornalista de La Opinión A Coruña.

Modera:

– Xabier Macías Virgós, psicólogo social e colexiado de honra do COPG.

II Foro "Autoritarismo e Liberdade"

Estes encontros van dirixidos ao público xeral e pretenden ofrecer unha reflexión sosegada e rigorosa, nos que a psicoloxía dialogue con outros ámbitos da sociedade desde a óptica dos valores democráticos, de convivencia, igualdade e liberdade. Unha acción que adquire unha especial relevancia no contexto actual, marcado polo auxe de ideoloxías reaccionarias de ultradereita, que cuestionan os principios fundamentais da democracia e promoven discursos de exclusión, intolerancia e restrición de dereitos.

O avance destas correntes ideolóxicas representa un reto significativo para a cohesión social e o benestar cidadán, polo que resulta imprescindible xerar espazos de reflexión e debate que permitan fortalecer o pensamento crítico e reafirmar os valores democráticos.

O segundo destes foros terá lugar en A Coruña mércores, 29 de outubro ás 19h, na Fundación Paideia (Praza de María Pita, 17). A entrada é libre ata completar aforo.

Programa